Novas

Laudatio para Bieito

O druída de Padroso que asentou nunha ría mentres soñaba con cambiar o mundo

Por María Xosé Porteiro

A finais dos ano 60, cinco mozos ían nun Dyanne 6 desde Galicia a Valencia. Sen cartos na faldriqueira, cheos de ilusión, deixaban atrás púlpitos, confesionarios, responsos e moito traballo social nas vilas e aldeas que conformaban as súas parroquias. Estaban na flor da vida loitando contra unha definición que era unha contradición en si mesma: curas obreiros.

Madia leva! Nunca tal se vira, pois que a Limia da que marchaban non era unha serra de Centro América tomada pola teoloxía da liberación. Era un mundo por espertar, aínda con métodos de vida que remitían ao medievo. Un mundo de viúvas de vivos e mortos, esgotado pola perda de sangue nova, primeiro na emigración americana e daquela xa na europea.

Entre eles, un tal Don Benito, nado no lugar de Padroso, parroquia de Abeleda, en Xunqueira de Ambía, de onde chegou a ser “Fillo Predilecto”, decidía deixar atrás aquel mundo onde reinan as augas do Arnoia, o Limia e o Támega e a serra de San Mamede convive coa xa seca lagoa de Antela, para -como el mesmo conta- pasar a ser Don Ninguén. Precisaba dixerir o aprendido na nenez e na mocidade cando descoñecía o difícil que ía ser construír un proxecto de vida desde un seminario onde aprendeu o estoicismo da disciplina, da constancia e do esforzo que marcarían toda a súa traxectoria.

Estamos a falar, xa se sabe, de Bieito Ledo Cabido, o patrucio feiticeiro que é quen de vivir tantas, e tan espléndidas vidas, nunha.

Poida que esa vida súa que ten a ver co mundo editorial fose das máis ricas e na que máis forza e vontade deixou. En 1983 foi o primeiro presidente da Asociación Galega de Editores. Da súa etapa como director xerente de Galaxia, entre 1979 e 1985, ten dito que foi unha das súas tres universidades, xunto coas xa comentadas de Padroso e o Seminario. Esta terceira, a editorial, foi un elo clave na cadea que axugou as xeracións dos galeguistas históricos cos do presente, con Ramón PIñeiro, García Sabell, Don Paco del Riego, Carlos Casares, e toda a nómina de esgrevias figuras do galeguismo e da cultura, no tránsito dun proxecto cultural de fondo calado, alicerce da industria cultural galega e referencia indubidable de país.

Se cadra non foi un tempo doado, mais si central para confirmar que a edición era a súa auténtica vocación, cun xeito de entender a vida que levou adiante, sen presas, pero sen pausas, como aprendera do seu veciño, o carpinteiro de Padroso, que lle dicía aquilo de que “o  caso é ir indo”, como as tartarugas: vagarosas, mais constantes. Non por acaso, esa consigna daría nome a unha empresa propia coa que conseguiu dotar a Galicia dunha auténtica Enciclopedia Universal. Só por iso, xa podía estar satisfeito. Por iso, e polo Dicionario Enciclopédico Galego Universal. Ou polo Dicionario biográfico de Galicia. Ou polo Dicionario dos nomes galegos… ou polos máis de seiscentos libros que alí naceron.

Salienta en Bieito, tamén, unha expresividade innata que abrolla na súa fala fluída e nun pensamento inquedo, veloz, curioso, e mesmo cósmico, se se me permite a licencia. Talvez, pecou de modesto ao demorarse tanto en facernos ver ao escritor que habita nel de tanto ocuparse en ler e publicar o que escribíamos os demais. O certo é que, por fin, desde non hai moitos anos, a escrita de Bieito se nos manifesta de xeito memorialístico, entre Cavilacións e Aconteceres, para compartir o relato dun mundo en transición. Velaquí, daquela, outro motivo para valorarmos o seu aporte á nosa cultura, á nosa patria, co alento comunicador que sempre lle puxo vento nas velas. (2’21”)430

Mais, de todas as súas facianas hai unha que nunca abandonou e que hoxe nos convoca neste acto: a do activismo cultural, a do axitador a quen lle debemos a idea de crear uns Premios da Crítica que tiveron a súa estrea o Día das Letras Galegas de 1978 e que neste 2023 están a facer os seus primeiros 45 anos.

Só un soñador podía imaxinar, naquela Galicia adoecida por tantos anos de ditadura e represión cultural e lingüística, que a forza e o talento do pobo darían para crear unha industria cultural con peso no PIB, no cómputo do emprego, na proxección externa e mesmo internacional… confirmando e consolidando o valor dunha creatividade do máximo nivel, cunha nómina extensa e de calidade na narrativa, a música, o audiovisual, as artes plásticas, a investigación, o pensamento… e, mesmo, a gastronomía entendida coma unha arte. Ao seu redor convocounos a unha panda de mozos e mozas ilusionados cun proxecto que foi sumando a moitos outros, conformando un exército de homes e mulleres de todos os ámbitos e expresións da cultura de nós.

Aquel home novo que estivera na universidade pontificia de Roma, que se licenciara en filosofía en Madrid, que decidira dedicar a súa vida ao Deus dos libros, e foi en Vigo libreiro, editor, escritor, axitador cultural e vigués distinguido, ten dito que sempre quixo “ter unha vida con imaxinación e con principios, porque, o máis importante, é querer e que me queiran” 

E aquí estamos para confirmarlle a aquel Balbino de Padroso que camiña con paso firme e baril polo seu sétimo decenio, que se están a cumprir eses seus soños, porque, Bieito, benquerido, sementaches e colleitaches. A túa vida é un exemplo frutífero para quen te queremos, pero tamén, e iso é transcendente, para a túa patria, para a túa matria, para o noso pobo e para a túa familia dos Premios da Crítica.

Celebramos que aquel mozo de Padroso fose quen de facer realidade as súas arelas, quen sabe se por nacer nun territorio máxico onde reinan as fragas das árbores sagradas dos celtas, tecendo carballeiras aloumiñadas por fontes e mananciais de augas limpas e puras.

O fillo de don Francisco e dona Secundina, o pai do Bieito fillo, e da súa irmá, Antía, o home que tivo forzas para soñar e facer posible 45 anos de Premios da Crítica, léganos fazañas propias dun sabio argallante de feitizos ancestrais para conservar e multiplicar  as sabenzas, a fala, e a inmensa creatividade deste pobo de nós. Ensinándonos, tamén, que sempre hai un novo chanzo por subir e novas metas que acadar cando se fixan con acerto os obxectivos, se constrúen fortes as equipas, se procuran alianzas e se traballa arreo. Velaí os ingredientes da poción máxica do druída de Padroso que asentou nesta ría e se propuxo cambiar o mundo.

Estamos aquí para confirmarte que non errabas, Bieito. Que es moi benquerido.

E para dicirche, alto e claro: grazas por unha vida dedicada a facer unha Galicia máis forte. Que non perda a conexión co soño dos devanceiros. Aberta a un futuro onde nos ensinaches que non podemos desistir. Que hai que seguir traballando para consolidarmos unha sociedade máis culta,  que é tanto coma dicir, máis libre, máis xusta.

Grazas por tanto, Bieito: sacerdote telúrico, druída máximo nesta Galicia do futuro que soñaches cando neno. O carballo do teu Padroso natal, máxima árbore sagrada dos celtas, é o símbolo que nos deixas nesta etapa apropiada para o balance.

Tomamos boa nota da mensaxe:
Coidarmos a natureza.
Termarmos do legado dos antepasados.
Convivirmos con respecto.
Sementarmos e colleitarmos afectos.
E, sobre todo, traballarmos polo futuro deste noso país,
deste noso pobo, coa cultura de nós coma bandeira.

En Vigo, a 28 de outubro de 2023, no 45º aniversario dos Premios da Crítica, con todo amor, para don Bieito Ledo Cabido: Beizón!

Ditame dos Premios da Crítica de Galicia 2023

O sábado 28 de outubro ás 12:00 horas no decurso dun acto na sede de Afundación de Vigo deuse a coñecer o ditame da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Dende comezos do mes de outubro, as 56 persoas compoñentes dos oito xurados, que se unen ás case mil cincocentas participantes ao longo de toda a súa historia, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

Baixo o lema «Galicia é un país propio, non é unha xeografía habitada» de Francisco Fernández del Riego, xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Ana Ortiz, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Gorka Gómez, concelleiro de Cultura do concello de Vigo, ademais de diversas alcaldías, deputadas do Parlamento Galego e representacións do asociacionismo cultural e profesional.Conducido polo xornalista Xosé María Palmeiro, no transcurso do acto Bieito Ledo Cabido foi recoñecido como presidente fundador da asociación Premios da Crítica de Galicia. A escritora María Xosé Porteiro realizou a laudatio para Bieito Ledo na que salientou que de «ademais das súas facianas como editor, libreiro e escritor hai unha que nunca abandonou e que hoxe nos convoca neste acto: a do activismo cultural, a do axitador a quen lle debemos a idea de crear uns Premios da Crítica que tiveron a súa estrea o Día das Letras Galegas de 1978 e que neste 2023 están a facer os seus primeiros 45 anos.»

Ao recoñecemento a Bieito Ledo adheríronse Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editoras; Manuel Puga Pereira, presidente da Fundación Penzol; Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé María Fonseca e Xesús Alonso Montero, entre outras personalidades.

Os seres queridos de Berta Dávila, Premio de Creación Literaria 2023

O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación literaria, formado por  Tensi Gesteira Estévez, blog Lecturafilia; Ana Luna Alonso, docente de Tradución, Facultade de Filoloxía e Tradución (UVigo); Xaquín Núñez Sabarís, crítico e profesor titular da Universidade do Minho; Patricia Porto, libreira; Manuel Rivas, escritor e gañador da edición anterior; Miro Villar, escritor e crítico e Míriam Ferradáns, secretaria, en representación dos Premios da Crítica da Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Barroco (Apiario) de Antía Otero, Materia (Xerais) de Yolanda Castaño, Ninguén queda (Euseino) de Brais Lamela e Os seres queridos (Xerais) de Berta Dávila.

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Os seres queridos de Berta Dávila.

O xurado salientou que Os seres queridos adéntrase nun modelo narrativo contemporáneo de destaca sutileza poética. A obra sobresae pola xenerosidade e honestidade e a conmoción que flúen a través da súas páxinas de xeito brillante. O libro avanza no espazo do escuro, do tabú con implacable contención narrativa levando á lectora a transitar pola violencia de xeito implacable. En definitiva, atopámonos ante unha obra valente que abre paso a novas narrativas amosando que a valentía debe ser un dos corazóns centrais da literatura.

O libro negro da lingua galega de Carlos Callón, premio de Investigación 2023

O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por  Lorena Gómez Méndez, Servizo de Información e Referencia da Biblioteca Xeral da USC; María del Carmen Parafita Couto, Centro de Lingüística da Universidade de Leiden; Jesús López Romalde, Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC; Xabier R. Madriñán, historiador e gañador da edición anterior;  Cibrán Santamarina Ríos, Departamento de Física de Partículas da USC, Instituto Galego de Física e Altas Enerxías; Sonia Villapol Salgado, neurocientífica no Instituto Académico de Investigación do Hospital Methodist de Houston (Texas) e na Facultade de Medicina da Weill Cornell de Nova York e  Inma López Silva, escritora, secretaria, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea (Xerais) de Daniela Ferrández Pérez; O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento (Xerais) de Carlos Callón e Maternidades virtuosas. Unha crítica aos moldes profesionais da crianza (Galaxia) de María do Cebreiro Rábade Villar.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade  o premio a O libro negro da lingua galega de Carlos Callón.

O xurado salientou a capacidade da obra para unir e compilar unha cantidade inxente de documentación, combinando o ton divulgativo coa rigorosidade da investigación. Alén diso, o xurado quere destacar o impacto da investigación nunha actualidade que volve precisar de atención á lingua como espazo de represión nun contexto de digosia que debe ser lembrado e proxectado no futuro.

Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, premio de Iniciativas Culturais e Científicas 2023

O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por  Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, profesor da  UDV;  Ana Isabel Boullón, membro da RAG e profesora da USC;  Arturo de Lombera Hermida, profesor da USC, responsable do proxecto A Cova de Eirós, gañador da edición anterior; Xurxo Martínez González, investigador, técnico de Normalización Lingüística do concello de Redondela;  Eva Mejuto, escritora e técnica de cultura; María Solar, escritora e xornalista cultural e  Ledicia Costas, secretaria, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: aCentral Folque, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e Fundación Eduardo Pondal.

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.

O xurado salientou o labor de divulgación relacionado coa astronomía, así como o traballo de galeguización da onomástica astronómica e o fito de lograr o nomeamento da estrela Rosalía de Castro. Tamén quixo destacar o labor de visibilizar as científicas galegas, así como a súa defensa da noite fronte a contaminación luminosa.

As Tanxugueiras, premio de Música 2023

O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por  Xulia Feixóo, percusionista e etnomusicóloga; Xiana Lastra, música e profesora; Moncho Lemos, comentarista musical da Radio Galega; Ugía Pedreira, compositora e gañadora da edición anterior; Joaquín (Kin) Martínez, produtor, director de EsmerArte Industrias Creativas; Gloria Rodríguez Gil, compositora, profesora do conservatorio de Vigo e  Jorge Mira, secretario, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Xosé Miguélez, Antía Muíño e As Tanxugueiras.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a As Tanxugueiras.

O xurado salientou o seu compromiso coa identidade, a cultura e a lingua galegas, a súa defensa do feminismo, a súa influencia inusual na xente máis nova facendo que se identifique co noso, o reforzo positivo da idea de galeguidade e a súa proxección tanto musical como mediática, tanto fóra como dentro das nosas fronteiras.

Teresa Táboas, premio de Artes Plásticas 2023

O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por  Mónica Alonso, pintora e gañadora da edición anterior;   Delmi Álvarez, fotógrafo; Mariano Casas, ilustrador; Santiago Catalán, arquitecto;  Menchu Lamas, pintora; Agar Ledo, crítica de arte e  María López Sández, secretaria, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Uqui Permui, Manuel Segade, Teresa Táboas e Cynthia Alfonso e Óscar Raña: «Unha leira de millo» (Espazo Sirvent de Vigo, 2022).

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Teresa Táboas.

O xurado salientou o seu labor no campo dunha arquitectura humanista asentada na cultura e o territorio que pon de manifesto a relevancia desta disciplina e as artes plásticas en xeral para a calidade de vida dos cidadáns nunha valiosa confluencia da estética e a arte coa funcionalidade e o benestar. Os seus méritos levárona a formar parte no 2022 no comité institucional do foro internacional do acceso á vivenda, ano no que foi membro do consello asesor do Museo de Pontevedra, así como do consello da Unión Internacional de Arquitectos, pasando posteriormente a ser vicepresidenta desta institución e acadando así unha dimensión internacional desde unha ollada ancorada na realidade cultural e territorial galega.

Teatro Ensalle, premio de Artes Escénicas 2023

O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por  Afonso Becerra, crítico, director da revista de ErreguetéCarmen Castro Pombo, organizadora do FIOT de Carballo; Patricia de Lorenzo,  membro de Chévere, gañadora da edición anterior; Carmen Méndez, intérprete; Irene Moreira Fontán, profesora da ESAD; Dolores Vilavedra, crítica, profesora da USC e  Ramón Nicolás Rodríguez, secretario, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Quico Cadaval, Paula Carballeira, Mofa e Befa e Teatro Ensalle.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por  maioría o premio a Teatro Ensalle.

O xurado salientou a oportunidade de outorgar o galardón ao Teatro Ensalle en recoñecemento aos seus vinte anos como espazo escénico independente na cidade de Vigo e pola dimensión colectiva do proxecto. Trátase dun proxecto de acollida para propostas non convencionais fincadas nunhas teatralidades de proximidade, constituíndo o único lugar que programa con regularidade danza contemporánea e que recolle o testemuño das históricas salas galegas Teatro Galán e Sala Nasa.

Pepe Coira, premio de Cine e Artes Audiovisuais 2023

O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais formado por  Angela Andrada, guionista, presidenta de AGAG;  María Costas, intérprete; Ramiro Ledo Cordeiro, presidente de Atalante produtora, gañadora da edición anterior; Manuel Pena, director de FIC de Bueu; Ángel Sánchez, director de Play Doc de Tui; Sara Traba, directora e Antón Sobral, secretario, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Pepe Coira, guionista; Chelo Loureiro, produtora e directora e Novos Cinemas. Festival Internacional de Cinema de Pontevedra.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Pepe Coira.

O xurado salientou a súa prolífica actividade, incansable e comprometida coa creación audiovisual en Galicia. Cunha permanente incidencia na industria e cunha gran capacidade de adaptación a un medio en constante transformación, cunha longa traxectoria en diferentes áreas como creación, divulgación, investigación, educación e produción. Nas que destacamos como fito recente a estrea no ano 2022 da serie Rapa, obra de gran éxito e relevancia a nivel nacional.

Estrelas no Camiño, premio de Cultura Gastronómica 2023

O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por  Alberto Barciela Castro, xornalista; Diego Bellido, médico nutricionista; Iria Otero, enóloga; Victoriano Porto Nogueira, crítico; María Varela, chef A parada das bestas de Palas de Rei, gañadora edición anterior; Begoña Vázquez Gago, chef de Regueiro da Cova de Verín e Mariana Fernández Carballal, secretaria, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Proxecto «Amas da Terra. As mulleres que sosteñen a gastronomía» de Lucía Freitas, Restaurante Beiramar do Grove,  «Estrelas no Camiño. Evento gastronómico solidario» e Restaurante Pepe Vieira.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Estrelas no Camiño.

O xurado salientou que Estrelas solidarias no Camiño de Santiago é un dos máis relevantes gastronómicos de España, o que lle engade unha característica solidaria que lle outorga unha singularidade moi particular. Celébrase en Gonte, aldea de pouco máis de cen habitantes (alá en Terras de Negreira), onde se achegan os máis relevantes profesionais da gastronomía, enoloxía e da crítica para degustar produtos esencialmente da terra, enmarcados baixo o selo Galicia calidade ou Pesca dás rías, as marcas de viño e cervexas máis renomeadas que acadan unha magnífica proxección. En Gonte reuníronse no 2022 de forma altruísta 72 estrelas michelin, sendo máis de 30 chefs de prestixio internacional, de España e Galicia. Entre eles o Grupo Nove, Amigos da Cociña Galega e do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) e Escolas de Formación Profesional. Ademais de promocionar o Camiño de Santiago. Os beneficios de cada edición repártense entre distintas ongs, como a Asociación Anxiños para a infancia en risco de exclusión social, Caritas ou a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), Asociación Galega de Síndrome X Fráxil. O evento é promovido polos irmáns Rial (Carmiña, Fran e Rogelio), considerando que é referencial na promoción do rural galego e apoio ao agro industria galega.

Nesta XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia o apartado musical estivo protagonizado polo cuarteto Caramuxo e a compositora Ugia Pedreira, gañadora da odalidade de Música de 2002.

Foron patrocinadores o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación provincial de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación, Sargadelos, Terras Gaudas, Joaquín Rebolledo e Coren.

Fotos de J. Santomé. Grazas.

Bieito Ledo será recoñecido como presidente fundador dos Premios da Crítica de Galicia

A xunta directiva da Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou que o ditame da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia 2023 se celebrará o sábado 28 de outubro a partir das 12:00 horas  no centro social Afundacion de Vigo, acto en que se recoñecerá a Bieito Ledo Cabido como presidente fundador da entidade, tras a laudatio de María Xosé Porteiro. Así mesmo nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das oito modalidades:

CREACIÓN LITERARIA: Tensi Gesteira Estévez, blog Lecturafilia; Ana Luna Alonso, docente de Tradución, Facultade de Filoloxía e Tradución (UVigo); Xaquín Núñez Sabarís, crítico e profesor titular da Universidade do Minho; Patricia Porto, libreira; Manuel Rivas, escritor e gañador da edición anterior; Miro Villar, escritor e crítico e Míriam Ferradáns, secretaría, en representación dos Premios da Crítica da Galicia.

INVESTIGACIÓN: Lorena Gómez Méndez, Servizo de Información e Referencia da Biblioteca Xeral da USC; María del Carmen Parafita Couto, Centro de Lingüística da Universidade de Leiden; Jesús López Romalde, Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC; Xabier R. Madriñán, historiador e gañador da edición anterior;  Cibrán Santamarina Ríos, Departamento de Física de Partículas da USC, Instituto Galego de Física e Altas Enerxías; Sonia Villapol Salgado, neurocientífica no Instituto Académico de Investigación do Hospital Methodist de Houston (Texas) e na Facultade de Medicina da Weill Cornell de Nova York e  Inma López Silva, escritora, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

INICIATIVAS CULTURAIS E CIENTÍFICAS: Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, profesor da  UDV;  Ana Isabel Boullón, membro da RAG e profesora da USC;  Arturo de Lombera Hermida, profesor da USC, responsable do proxecto A Cova de Eirós, gañador da edición anterior; Xurxo Martínez González, investigador, técnico de Normalización Lingüística do concello de Redondela;  Eva Mejuto, escritora e técnica de cultura; María Solar, escritora e xornalista cultural e  Ledicia Costas, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

MÚSICA: Xulia Feixóo, percusionista e etnomusicóloga; Xiana Lastra, música e profesora; Moncho Lemos, crítico musical da Radio Galega; Ugía Pedreira, cantora e gañadora da edición anterior; Joaquín (Kin) Martínez, produtor, director de EsmerArte Industrias Creativas; Gloria Rodríguez Gil, compositora, profesora do conservatorio de Vigo e  Jorge Mira, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

ARTES PLÁSTICAS: Mónica Alonso, pintora e gañadora da edición anterior;   Delmi Álvarez, fotógrafo; Mariano Casas, ilustrador; Santiago Catalán, arquitecto;  Menchu Lamas, pintora; Agar Ledo, crítica de arte e  María López Sández, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

ARTES ESCÉNICASAfonso Becerra, crítico, director da revista de ErreguetéCarmen Castro Pombo, organizadora do FIOT de Carballo; Patricia de Lorenzo,  membro de Chévere, gañadora da edición anterior; Carmen Méndez, intérprete; Irene Moreira Fontán, profesora da ESAD; Dolores Vilavedra, crítica, profesora da USC e  Ramón Nicolás Rodríguez, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

CINE E ARTES AUDIOVISUAIS: Angela Andrada, guionista, presidenta de AGAG;  María Costas, intérprete; Ramiro Ledo Cordeiro, presidente de Atalante produtora, gañadora da edición anterior; Manuel Pena, director de FIC de Bueu; Ángel Sánchez, director de Play Doc de Tui; Sara Traba, directora e Antón Sobral, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

CULTURA GASTRONÓMICA: Alberto Barciela Castro, xornalista; Diego Bellido, médico nutricionista; Iria Otero, enóloga; Victoriano Porto Nogueira, crítico; María Varela, chef A parada das bestas de Palas de Rei, gañadora edición anterior; Begoña Vázquez Gago, chef Regueiro da Cova de Verín e Mariana Fernández Carballal, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia.

Premios da Crítica de Galicia 2023, presentación de candidaturas

A Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou aprobar as bases pola que se rexerán os Premios da Crítica de Galicia 2023, que se ditaminarán en Vigo o 28 de outubro de 2023, ademais de nomear as secretarías de cada unha das modalidades.

Como establece a base sétima «Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polas súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras ás secretarías dos xurados antes do 30 de setembro de 2023. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.».

A este teor as propostas poderán ser dirixidas ás secretarías de cada unha das modalidades escribindo a: premiosdacriticagalicia@gmail.com.

Creación literaria: Míriam Ferradáns.

Investigación: Inmaculada López Silva.

Iniciativas Culturais e Científicas: Ledicia Costas.

Música: Jorge Mira.

Artes Plásticas: María López Sández.

Artes Escénicas: Ramón Nicolás.

Cine e Artes Audiovisuais: Antón Sobral.

– Cultura Gastronómica: Mariana Fernández Carballal.

As bases da convocatoria poden baixarse aquí.

 

Nova xunta directiva dos Premios da Crítica de Galicia

A asemblea da Asociación Premios da Crítica de Galicia reunida en Santiago o 27 de maio de 2023 acordou por unanimidade renovar a súa xunta directiva, convocar a 46ª edición dos premios correspondente a 2023 e abrir unha nova etapa orientada a celebración do seu quincuaxésimo aniversario en 2027.

Asume a presidencia Manuel Bragado Rodríguez, a vicepresidencia primeira María Dolores Cabrera Iglesias, a vicepresidencia segunda Inmaculada López Silva, a secretaría Malores Villanueva Xesteira, a vicesecretaría Xavier Senín Fernández e a tesourería Anxo X. Rajó Pazó.

A asemblea amosou o seu recoñecemento e gratitude a Bieito Ledo Cabido e Antón Pulido Novoa, até agora presidente e vicepresidente, respectivamente, que continuarán formado parte activa desta iniciativa cultural nacida en 1978 e da que foron fundadores e responsables dende entón.