Inaugurados os «Sábados Culturais 2013»

Coa presentación do libro Premios da Crítica Galicia. 35 anos de Cultura inauguráronse no mediodía do 9 de marzo os «Sabados Culturais 2013». Máis de medio cento de persoas participaron nun acto celebrado na Casa Galega da Cultura de Vigo que contou coas intervencións de Bieito Ledo, Ramón Nicolás, Modesto Hermida, Xesús Alonso Montero e o alcalde de Vigo Abel Caballero.

Iniciou a quenda de discursos, Bieito Ledo lembrando a súa chegada a Vigo hai trinta e sete anos e o intenso traballo cultural desenvolvido no Círculo Ourensán Vigués, de onde nacería a iniciativa de creación dos Premios da Crítica Galicia. «O local do Círculo Ourensán da rúa Venezuela era o lugar de encontro dos sindicatos, particularmente dos de El Corte Inglés, que acabara de abrir en 1975. Alí era o lugar de ensaio do teatro Artello. Reuníanse as Xuventudes Musicais de Vigo e convocábase un concurso de xóvenes intérpretes. Organizábanse cursos de galego para profesionais, nos que xente da altura intelectural do maxistrado García Ramos ou do profesor Alonso Montero impartían conferencias. Alí se montou o primeiro club de microordenadores, dirixido por Luís Suárez Marconi. Había tamén curso de ioga e baile. Organizábase a «Semana da Cultura Galega» en Guimarâes e a Semana da Cultura Portuguesa en Vigo. De alí naceu a Romaría das Letras Galegas de Castrelos e alí naceu a iniciativa da creación dos Premios da Crítica Galicia e dende alí se organizaron até que en 1993 creouse a Fundación incorporando xente de toda Galicia». Despois, Bieito Ledo salientou que a xeira de actividades bautizada como «Sábados Culturais» nacía coa intención de contribuír á dinamización do Casco Vello e a facer máis visible o labor da Fundación. Rematou a súa primeira intervención insistindo na importancia da sociedade civil como garante democrático.

Na súa intervención, o crítico e profesor Ramón Nicolás saudou o nacemento destes «Sabados Culturais» «que contribuirán, sen dúbida, a vivificar a cerna da Fundación dos Premios da Crítica e a proxectar as súas actividades á sociedade civil». Sinalou, máis tarde, que «a lectura deste libro que hoxe presentamos, amais de entendelo como unha achega extraordinaria para poder avaliar algunhas das liñas de sentido da nosa cultura viva nos últimos trinta e cinco anos, resultoume gorentosa e altamente informativa». Recomendando, depois, «moi vivamente a lectura do “manifesto” dado a coñecer no ano 1978, as colaboracións valorativas realizadas ad hoc como aquelas que recollen diversas intervencións escritas hai anos e das que sempre tanto se aprende».

O profesor e escritor Modesto Hermida comezou valorando a obra: «Este libro é unha reflexión moi plural sobre unha experiencia moi plural de identidade lingüística, capaz de integrar ao país enteiro, ideoloxicamente enteiro, mais tamén enteiro en todas as súas expresións artísticas». Despois relatou a súa experiencia persoal e as súas vivencias no seo do colectivo dos Premios da Crítica desde a súa chegada a Vigo en 1976, procedente de Asturias, cando estaba organizado na terceira Internacional,e o seu primeiro contacto co profesor Alonso Montero.

O profesor Alonso Montero definiu os Premios da Crítica «como a plataforma cultural que Galicia non tivera desde 1936». «Bieito Ledo foi o seu gran creador, apoiado por xente moi diversa, dende membros do partido comunista, a outros nacionalistas ou socialistas, a pluralidade de Galicia tanto desde o punto de vista político como profesional». Don Xesús salientou despois a importancia que os Premios da Crítica incorporanse as voces da ciencia e da tecnoloxía, xa dende a súa primeira edición, «amosando que a cultura galega non é só literaria, nin poética fundamentalmente. Estes Premios demostraron que os científicos tamén forman parte da creación cultural do país». Alonso Montero lembrou a figura de Isaac Díaz Pardo, creador da estatuíña que constitúe a dotación de cada premio. «A idea de que fose unha figura de Martín Codax foi miña». No remate do seu discurso, Alonso Montero referiuse á fractura que se produciu na Fundación entre «as persoas que tiñan máis responsabilidade na organización» apostando «que algún día coa incorporación de quen sexa ou coa reincorporación de quen sexa a Fundación tivese aínda máis puxanza da que ten».

Rematada a quenda de intervención da mesa, fíxoo dende o público Xosé María Palmeiro para sinalar «a acollida sempre positiva e agarimoosa dos medios de comunicación vigueses cos premios da crítica». Pechou o acto Abel Caballero, alcalde de Vigo, para quen «a cultura é a alma da cidade de Vigo», e a iniciativa dos Premios da Crítica Galicia unha das súas máis senlleiras expresións. Tras o acto, todos os asistentes foron convidados na cafetaría Cosmos da praza da Princesa a un ribeiro doado pola adega Patricio Sánchez, que axudou «a mollar a palabra e a quentar os afectos». M.B.

A Fundación expresa a súa gratitude a Fernando Cameselle pola reportaxe fotográfica.

Inauguración dos «Sábados Culturais 2013»

Fundación Premios da Crítica Galicia celebrará o próximo sábado, 9 de marzo, ás 12:45 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/nº) de Vigo o acto de inauguración dos «Sábados Culturais 2013». O acto consistirá na presentación do libro editado pola fundación Premios da Crítica Galicia. 35 anos de Cultura, no que se recupera a memoria destes premios nacidos da sociedade civil e do agromar das iniciativas e industriais culturais en Galicia, mesmo antes do inicio do período autonómico. No acto de presentación do libro, que será presidido por Abel Caballero, alcalde Vigo, particiarán D. Bieito Ledo Cabido (presidente e fundador da Fundación Premios da Crítica Galicia), D. Ramón Nicolás Rodríguez (profesor e crítico literario), D. Modesto Hermida García (profesor e escritor) e D. Xesús Alonso Montero (académico).

Os «Sábados Culturais 2013» conforman un ciclo de actividades de diversa fasquía e formato destinados a contribuír a dinamización cultural da cidade de Vigo, con especial incidencia no entorno do Casco Vello. Previstas a desenvolverse nos mediodías dos primeiros sábados de cada mes, as próximas actividades serán un concerto na Praza da Constitución (6 de abril), a conferencia de Xesús Alonso Montero  «Compañel, Rosalía e a edición de Cantares Gallegos» (4 de maio) e a mesa redonda, «As Artes Plásticas» (1 de xuño).

Ditame dos Premios da Crítica Galicia 2012

No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 17 de outubro o ditame da trixésimo quinta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.

Baixo o lema “Galicia como tarefa”, recollido dun título de Valentín Paz Andrade, xuntáronse máis de trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de cultura; Valentín Gómez, secretario xeral de política lingüística: Ana Isabel Vázquez, delegada de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando a importancia desta triséximo quinta edición na que a Fundación edita o libro 35 anos de cultura, así como facendo un chamamento á valentía e sabedoría de nós os Galegos para facerlle fronte á realidade actual.

 “Fantasmas de luz” de Agustín Fernández Paz, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Ana Romaní Blanco, Luciano Rodríguez Gómez; Olivia Rodríguez, Fina Casalderrey Fraga; Isabel Mociño González, Xavier Lama e Blanca Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por unanimidade o premio a Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz publicado por Edicións Xerais de Galicia. O xurado apuntou como razóns para premiar esta obra “a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor.

 “Patricia Fra López” , Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación, formado por Jorge Mira Pérez, Xosé Manuel Beiras Torrado (que desculpou a súa ausencia), Mercedes Brea López, María del Mar Lorenzo Moledo, Ricardo Garcia Mira, José María Barja e Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretaría, acordou outorgar por unanimidade o premio á edición de Regreso a Compostela de Edith Wharton preparada por Patricia Fra López editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago. O libro publica unha reprodución fotográfica, con transcrición e tradución, dun caderno manuscrito de Edith Whorton, unha das mellores novelistas norteamericanas da primeira metade do século XX, que realizou unha perigrinación a Santiago entre os anos 1925 e 1930. A edición vai acompañadas dun magnífico estudo introdutorio realizado pola profesora Patricia Fra da USC.

 O xurado acordou por unanimidade facer un chamamento aos poderes públicos para que o apoio e recoñecemento a investigación realizada en Galicia, non se vexa gravemente afectado polos recortes. O xurado entende que se non hai unha axeitada inversión en I+D+I non será posible acadar un desenvolvemento económico e social que asegure o benestar das xeracións futuras. O xurado entende por unanimidade que cómpre unha definición máis precisa nas bases de maneira que a efectos de inclusión dos traballos propostos, a data que debe terse en conta sexa a de publicación definitiva dos resultados da investigación.

  “Asociación Galega de Compositores”, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música, formado Rodrigo Romaní, Javier Otero Neira, Abe Rábade, Marión Sarmiento, Carlos Villanueva, Maximino Zumalave e Anxo Tarrio Varela, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio por unanimidade á Asociación Galega de Compositores. O xurado valorou a tarefa que esta Asociación vén realizando no ámbito da composición, da edición e da interpretación e considerou a importancia que supón a existencia na sociedade galega de iniciativas como as que leva a cabo, así como a notoriedade que supón o aumento de composicións de carimbo galego nos últimos vintecinco anos durante os que a Asociación Galega de Compositores vén dedicándose dun xeito eficaz, contribuíndo ademais á visibilidade da actividade creativa neste campo.

 “O sorriso de Daniel”, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por por Manuel Rosales, Iago Martínez, Anxos Sumais, Carme Vidal, María Xosé Porteiro, Germam Ermida e Xavier Senín, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio á Asociación O Sorriso de Daniel.

As persoas que forman parte do xurado analizaron as candidaturas que elas mesmas foron seleccionando e mais aqueloutras que chegaron á secretaría procedentes de propostas particulares e institucionais. O xurado tivo  en conta nas iniciativas elementos de innovación, continuidade, o traballo en rede, a conexión internacional, a visibilización de ámbitos pouco recoñecidos da cultura, a atención á perspectiva  de xénero e o recoñecemento do traballo cultural da Galicia exterior entre outros criterios.

Logo dun amplo debate  acordouse premiar a Asociación O SORRISO DE DANIEL. Por ser unha iniciativa innovadora que valora, difunde e quere o románico, un singular e extraordinario tesouro do noso patrimonio. O Sorriso parte do lema “O patrimonio coa viciñanza ten maior valor” e por iso as súas iniciativas implican e comprometen a quen ten o románico ao seu carón, tomando parte da súa propia historia persoal. A súa actividade céntrase especialmente no ámbito rural, nese patrimonio espallado e en certa medida abandonado pero tamén máis vivido. Trátase dun grupo de persoas “apaixonadas” polo patrimonio que buscan implicar aos veciños e veciñas no coidado e defensa do seu, con iniciativas enérxicas, imaxinativas e mesmo provocadoras. En pouco tempo, con escasos medios mais con moita ilusión déronlle ao patrimonio un espazo singular nos medios de comunicación e nas redes sociais, convertéronse nunha voz de reivindicación e denuncia e fixeron que vivamos con máis intensidade ese tesouro que é o noso patrimonio románico.

 “Carmen Nogueira”, Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado Anxo Cabada, Suso Cubeiro, Álvaro de la Vega, Iñaki Martínez Antelo, Asunta Rodríguez, Teresa Táboas e Charo Portela, que actuou como secretaria, acordou tras recoñecer todas as propostas achegadas polos membros do xurado como de grande valor, outorgar por unanimidade o premio a Carmen Nogueira. Artista viguesa con grande actividade en construción da paisaxe, con actuacións en Pequín, Valparaíso, con representación na Feira ARCO 2011, recentemente a súa obra entrou na colección do Centro Nacional Reina Sofía, logo de ter feito exposicións individuais no CGAC, no MARCO ou no Bienal de Pontevedra, entre outras moitas.

 “Xosé Manuel Olveira “Pico”, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Isabel Blanco, Mariana Carballal, Miguel Anxo Fernández, Gustavo Pernas, Mamen Quintas, Xesús Ron e Inma López Silva, que actuou como secretaria, acordou por unanimidade outorgar o premio a Xosé Manuel Olveira “Pico”, non só pola súa traxectoria incuestionábel, senón tamén polo seu traballo teatral e audiovisual como figura capaz de unir eses dous mundos, sempre con seriedade, calidade, intelixencia e fonda humanidade. Alén diso, o xurado desexa destacar a súa participación en obras de particular relevancia durante o ano 2011 coma os filmes Sinbad e Doentes¸ e a peza teatral O florido pénsil. O xurado realizou tamén unha mención especial á longametraxe documental Tralas luces, e en especial á súa directora Sandra Sánchez e á produtora Fernanda del Nido, pola súa intensidade e lirismo, e por construír un universo de mulleres nun modelo de produción que, ademais, insiste especialmente nesa dimensión feminina.

Premios da Crítica Galicia 2012, reserva a túa praza

O ditame dos xurados da 35ª edición dos Premios da Crítica Galicia será coñecido o sábado 17 de novembro de 2012 no decurso dunha cea que se celebrará en Vigo, no Hotel Os Escudos, a partir das 20:30 horas.

O cuberto terá un prezo de 35€.

Ingreso: Novacaixagalicia nº 2080-0218-87-0040000752

Todos os asistentes recibirán un exemplar do libro «Premios da Crítica Galicia. 35 anos de Cultura Galega».

As persoas que desexen asistir poden facer a súa reserva chamando ao teléfono 629 58 78 07 ou no correo electrónico anxorajo@hotmail.com