Novas

Convocados os Premios da Crítica de Galicia 2020

A Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou aprobar as bases pola que se rexerán os Premios da Crítica de Galicia 2020, que se ditaminarán en Vigo o 7 de novembro de 2020, ademais de nomear as secretarías de cada unha das modalidades.

Como establece a base sétima «Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras ás secretarías dos xurados antes do 30 de setembro de 2020. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros».

A este teor as propostas poderán ser dirixidas ás secretarías de cada unha das modalidades escribindo a: premiosdacriticagalicia@gmail.com

Creación literaria: María Dolores Cabrera.

Investigación: Blanca Roig Rechou.

Iniciativas Culturais e Científicas: Ramón Nicolás Rodríguez.

Música: Malores Villanueva.

Artes Plásticas: Antón Sobral Iglesias.

Artes Escénicas: Eulalia Agrelo Fernández.

Cine e Artes Audiovisuais: Ledicia Costas Álvarez.

Cultura Gastronómica: Luis Marconi Suárez.

Ditame dos Premios da Crítica de Galicia 2019

No Auditorio do centro social Afundación de Vigo deuse a coñecer este medio día o ditame da cuadraxésima segunda edición dos Premios da Crítica de Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema «Teñamos o valor de darnos o futuro», xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Carlos López Font, vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega e Cesáreo Sánchez iglesias , presidente da AELG, entre outras.

Bieito Ledo, presidente da Asociación Premios da Crítica Galicia, abriu o acto, conducido pola xornalista Noelia Otero, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria dos premios e defendendo Galicia como un lugar de encontro cosmopolita, universal, orixinal e ascendente. Rematou Bieito Ledo o seu discurso apelando ao futuro: «O século XXI está sendo unha época de esplendor na nosa historia. Galicia dedicouse a observar, crear, recoller, xuntar e soñar para que chegase un estourido de grandeza e harmonía en todos os ámbitos da nosa cultura. Os galegos sábense fillos dun paraíso e capaces de definírense cunha soa palabra: NÓS. Amigas e amigos: que o canto da rola aloumiñe todos os soños que o noso pobo leva no seu peito e que aínda están por vir».

O mar que nos leva de Moncha Fuentes, Premio de Creación Literaria

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Anxo Angueira Viturro, escritor, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Daniel Asorey Vidal, escritor e profesor; Montse Dopico González, xornalista e crítica literaria; María del Mar Fernández Vázquez, profesora da USC e crítica; Chus Pato Díaz, poeta, membro da RAG; Xosé Ponte Far, profesor e crítico; María López Sández, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras O mar que nos leva de Moncha Fuentes (Xerais) e Michigan, acaso Michigan de Antón Reixa (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por por maioría o premio O mar que nos leva de Moncha Fuentes (Xerais).

En primeiro lugar o xurado salientou de Michigan, acaso Michigan de Antón Reixa, a obra finalista, «a fidelidade á ruptura e á vangarda dunha xeración e a un estilo persoal e senlleiro que mestura as máis altas referencias literarias con elementos da cultura pop procurando as súas raíces e explorando o papel da lingua na memoria; así como a hibridación dun texto que transita entre o lírico e o narrativo, cunha montaxe cinematográfica que confire á escrita unha axilidade envolvente na que o humor e o azar se mesturan coa vida».

A seguir, o xurado salientou da obra gañadora, O mar que nos leva de Moncha Fuentes, «o seu carácter de obra inaugural coa que irrompe unha voz poderosa, que bebe da experimentación coa focalización para narrar desde a memoria, decantándose en parágrafos envolventes, co ritmo narrativo dunha maré imparable. Comezando cunha ferida do íntimo, a obra progresa cara ao colectivo e social até converterse na novela dunha xeración, expresada cun estilo brillante e unha abraiante madureza narrativa».

Satélite LUME-1, Premio de Investigación

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Amparo Alonso Betanzos, catedrática do Departamento de Ciencias da Computación da UDC e presidenta da Sociedad Española para a Intelixencia Artificial; Ricardo García Mira, catedrático do Departamento de Psicoloxía da UDC; Águeda Gómez Suárez, profesora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da UVigo (campus Ourense); Martín López Nores, profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo; María Loureiro, catedrática do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC; José Luís Mascareñas Cid, gañador da edición anterior, director do CIQUS, catedrático da USC e Jorge Mira Pérez, que actuou como secretario en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas ao artigo «Botton-up síntesis of multifuctional nanoporous Graphene» de César Moreno, Manuel Vilas-Varela, Bernhard Kretz, Aran Garcia-Lekue, Marius V. Costache, Markos Paradinas, Mirko Panighel, Gustavo Ceballos, Sergio O. Valenzuela Diego, Peña e Aitor Mugarza; ao proxecto Satélite LUME-1  do Equipo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, da Escola de Enxeñaría Industrial e da Escola de Enxeñaría Informática (campus Ourense) da Universidade de Vigo, liderado por Fernando Aguado Agelet; e á obra Golpistas e verdugos de 1936. Memoria dun pasado incómodo da que son editores  Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez Macho (Galaxia).Tras unha densa deliberación acordou outorgar por maioría o premio a Satélite LUME-1.

O xurado salientou, en primeiro lugar, «as enormes dificultades e alto grao de discusión interna motivado pola dificultade para artellar uns criterios comúns para obras de procedencia tan dispar e brillantes nos eidos científico, tecnolóxico e social». «Así, ao longo da súa deliberación, tivemos unha obra que supuxo un cambio de paradigma, unha concepción orixinal e gran rigor no tema tan delicado como é a memoria histórica; un artigo na prestixiosa revista Science, que foi elixido como un dos dez descubrimentos do ano pola Sociedade Americana de Química, e o lanzamento dun satélite que é consecuencia do nacemento da incipiente industria aeroespacial galega».

O xurado acordou conceder o premio a Satélite LUME-1 «por supoñer unha achega galega de impacto científico internacional no eido tecnolóxico, que combina a loita contra unha praga do noso país coo o lume, un impacto económico coa creación dunha incipiente industria aeroespacial galega e poñer a Galicia, literalmente, no espazo».

Festival de Poesía do Condado, Premio de Iniciativas Culturais e Científicas

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Iván Area Carracedo, profesor do departamento de Matemática Aplicada da UDV en Ourense; Rocío Castro Tarrío, xornalista, xestora cultural; Fran P. Lorenzo, xornalista e escritor; Ana Romaní Blanco, gañadora da edición anterior, xornalista, poeta, membro da RAG; Iria Veiga Ramos, psiquiatra, divulgadora científica; Nel Vidal Barral, profesor e xestor cultural e Alba Nogueira López, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Espazos sonoros, Festival de Poesía do Condado e Semente Escola de Ensino Galego. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por por maioría o premio a Festival de Poesía do Condado.

O xurado salientou da iniciadora gañadora que «é un dos festivais de máis longa traxectoria no noso contexto que fai un traballo cultural de base desde o asociacionismo nunha vila e coa acción na contorna». Saliéntase, tamén, «a súa continuidade, mesmo en condicións moi adversas, así como a remuda xeracional na organización e a súa evolución ampliando focos». O xurado sinalou, tamén, que «é meritoria a atención que desenvolveu arredor das culturas poéticas peninsulares e ter feito do poético un espazo de encontro de xeracións e públicos diversos, así como unha liña de traballo comprometida cos debates sociais e unha posición crítica».

Xan Carballal, Premio de Música

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por Olga Alexandrovskaia Trofimova, violinista, profesora Conservatorio de Santiago; Eloi Caldeiro, músico, líder do grupo Brath, promotor cultural; Miro Casabella, cantor; Celia Díaz, xornalista da Radio Galega; Mercedes Peón, gañadora da edición anterior, música; Marcos Seoane, violinista, profesor do Conservatorio de Culleredo e Ernesto Sánchez Pombo, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Xan Carballal e á Banda Artística de Merza. Tras a derradeira deliberación acordou outorgar por unanimidade o premio a Xan Carballal.

O xurado salientou «de Xan Carballal unha traxectoria longa e un traballo de base moi singular na música clásica, que levou a que centos de rapaces do rural galego puidesen acceder a unha educación musical e cultural, e moitos dos cales están hoxe en importantes formacións».

Soledad Penalta, Premio de Artes Plásticas

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por Javier Alonso de la Peña, gañador da edición anterior, arquitecto; Fernando Barreira, pintor; Fátima Otero Bouza, crítica; Ruth Noemí Lodeiro Pérez, escultora; Celso Martínez «Celsius Pictor», deseñador; Rosario Sarmiento Escalona, comisaria e crítica e Xabier Limia de Gardón, que actuou como secretario, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Soledad Penalta, Xosé Freixanes e Elena Colmeiro. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar maioría o premio a Soledad Penalta Lorenzo.

O xurado salientou de Soledad Penalta «a súa longa traxectoria e coherencia e, ao mesmo tempo, a capacidade de investigación con novos materiais, cos que acada unha linguaxe propia, introducindo dun xeito novidosas caligrafías nunha constante  renovación iconográfica e conceptual».

 

Rut Balbís, Premio de Artes Escénicas

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por María Armesto, directora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, gañadora da edición anterior; Afonso Becerra de Becerreá, dramaturgo, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; Bettina Kohlaas, xornalista, xestora cultural, directora do Teatro Colón da Coruña; Paula Quintas, bailarina e coreógrafa, integrante do Equipo de Corpo(a)Terra, Festival de Danza de crúa de Ourense; Neves Rodríguez, actriz e comunicadora TVG; Vanesa Sotelo, xornalista, directora de escena, directora da revista Erréguete e Paula Cabaleiro, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Matarile Teatro (Ana Vallés e Baltasar Patiño), Rut Balbís e Pistacatro por Arnoia. Arnoia. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Rut Balbís.

O xurado salientou de Rut Balbís «o seu impecable e incansable traballo como bailarina e coreógrafa, pero tamén polo seu constante labor para dignificar e visibilizar a danza en Galicia, en por crear tecido, redes e espazos para achegara a danza a todos os públicos, como é o proxecto RPM que impulsou xunto a outras persoas. Destacamos tres palabras de Rut Balbís; TALENTO, RESISTENCIA e XENEROSIDADE».

A Fariña (serie), Premio de Cine e Artes Audiovisuais

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Alba Aguiar, directora de Arte, vestuarista; Miguel Canalejo, actor e guionista; Ángel de la Cruz, director, guionista, produtor e profesor; Álvaro Gago, director de Matria, gañador da edición anterior; Chelo Loureiro, produtora, fundadora de Abano de Producións;  Olga Osorio, directora e profesora da EIS da Coruña e Mariana Fernández Carballal, secretaría, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Lucía Catoira Pan, Fariña (serie) e Bambú producciones. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Fariña (serie).

O xurado salientou que «ademais da evidente calidade das produción e realización e dos traballos dos seus equipos técnico e artístico, polo considerable esforzo da produtora en apostar por unha historia e uns equipos galegos que lograron situar a Galicia no mapa audiovisual internacional nun momento crucial da produción de ficción para TV, abrindo un sólido camiño para as persoas profesionais, produtoras e historias propias».

Lucía Freitas, Premio de Cultura gastronómica

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por Carmen Albo, responsable do blog «Guisándome la vida»; Luis Cividanes González, responsable de comunicación de Trevisani; Federación de Razas Autóctonas Galegas BOAGA, gañadora da edición anterior; Héctor López, cociñeiro do restaurante España, membro do Grupo Nove; Alejandro Paadín, sumiller; Beatriz Sotelo, cociñeira do restaurante A estación de Cambre e Inma López Silva, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Lucía Freitas do restaurante A Tafona, Tardes do Atlántico de Martin Códax, Centro Integrado de FP de Lamas Abade. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Lucía Freitas.

O xurado salientou de Lucía Freitas «o seu papel como empresaria da restauración e a súa capacidade para interpretar a cultura gastronómica galega cunha extraordinaria ética e coherencia.»  «O xurado destaca a súa evolución como cociñeira nunha aposta pola internacionalización que culmina cunha estrela Michelin. Lucía Freitas salienta ademais como exemplo de empoderamento das mulleres na cociña, demostrando que é posible ser muller, empresaria e creadora de excelencia no noso sector gastronómico».

Xurados Premios da Crítica de Galicia 2019

A xunta directiva da Asociación Premios da Crítica de Galicia nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das oito modalidades:

Creación literaria: Anxo Angueira Viturro, escritor, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Daniel Asorey Vidal, escritor e profesor; Montse Dopico González, xornalista e crítica literaria; María del Mar Fernández Vázquez, profesora da USC e crítica; Chus Pato Díaz, poeta, membro da RAG; Xosé Ponte Far, profesor e crítico; María López Sández, secretaría, APCG.

Investigación: Amparo Alonso Betanzos, catedrática da UDC, coordinadora do Grupo de Investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) da Facultade Informática; Ricardo García Mira, catedrático da UDC en Psicoloxía Social, deputado; Águeda Gómez Suárez, profesora de Socioloxía da UDV, ; Martín López Nores, profesor da ESTS de Telecomunicación da UDV; María Loureiro, profesora de Fundamentos de Análise Económica da Facultade de Económicas da USC; Jose Luís Mascareñas Cid, gañador da edición anterior, director do CIQUS, catedrático da UDV e Jorge Mira Pérez, secretaría, APCG.

Iniciativas Culturais e Científicas:  Iván Area Carracedo, profesor do departamento de Matemática Aplicada da UDV en Ourense; Rocío Castro Tarrío, xornalista, xestora cultural; Fran P. Lorenzo, xornalista e escritor; Ana Romaní Blanco, gañadora da edición anterior, xornalista, poeta, membro da RAG; Iria Veiga Ramos, psiquiatra, divulgadora científica; Nel Vidal Barral, profesor e xestor cultural e Alba Nogueira López, secretaría, APCG.

Música:  Olga Alexandrovskaia Trofimova, violinista, profesora Conservatorio de Santiago; Eloi Caldeiro, músico, lider do grupo Brath, promotor cultural; Miro Casabella, cantor; Celia Díaz, xornalista da Radio Galega; Mercedes Peón, gañadora da edición anterior, música; Marcos Seoane, violinista, profesor do Conservatorio de Culleredo e Ernesto Sánchez Pombo, secretaría, APCG.

Artes Plásticas:  Javier Alonso de la Peña, gañador da edición anterior, arquitecto; Fernando Barreira, pintor; Fátima Otero Bouza, crítica; Ruth Noemí Lodeiro Pérez, escultora; Celso Martínez «Celsius Pictor», deseñador; Rosario Sarmiento Escalona, comisaria e crítica e Xabier Limia de Gardón, secretaría, APCG.

Artes Escénicas:  María Armesto, director da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, gañadora da edición anterior; Afonso Becerra de Becerreá, dramaturgo, profesor da ESADG; Bettina Kohlaas, xornalista, xestora cultural, directora do Teatro Colón da Coruña; Paula Quintas, bailarina e coreógrafa, integrante do Equipo de Corpo(a)Terra, Festival de Danza de crúa de Ourense; Nieves Rodríguez, actriz e comunicadora TVG; Vanesa Sotelo, xornalista, directora de escena, directora da revista Erréguete e Paula Cabaleiro, secretaría, APCG.

Cine e Artes Audiovisuais: Alba Aguiar, directora de Arte, vestuarista; Miguel Canalejo, actor e guionista;  Ángel de la Cruz, director, guionista, produtor e profesor; Álvaro Gago, director de Matria, gañador da edición anterior; Chelo Loureiro, produtora, fundadora de Abano de Producións;  Olga Osorio, directora e profesora da EIS da Coruña e Mariana Fernández Carballal, secretaría, APCG.

Cultura Gastronómica: Carmen Albo, responsable do blog «Guisándome la vida»; Luis Cividanes González, responsable de comunicación de Trevisani; Federación de Razas Autóctonas Galegas BOAGA, gañadora da edición anterior;  Héctor López, cociñeiro do restaurante España, membro do Grupo Nove; Alejandro Paadín, sumiller; Beatriz Sotelo, cociñeira do restaurante A estación de Cambre e Inma López Silva, secretaría, APCG.

Convocados os Premios da Crítica de Galicia 2019

A Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou na súa reunión do 10 de xuño aprobar as bases pola que se rexerán os Premios da Crítica de Galicia 2019, que se ditaminarán en Vigo o 9 de novembro de 2019, ademais de nomear as secretarías de cada unha das modalidades.

Como establece a base sétima «Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras ás secretarías dos xurados antes do 27 de setembro de 2019. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros».

A este teor as propostas poderán ser dirixidas ás secretarías de cada unha das modalidades escribindo a: premiosdacriticagalicia@gmail.com

Creación literaria: María López Sández.

Investigación: Jorge Mira Pérez.

Iniciativas Culturais e Científicas: Alba Nogueira López.

Música: Ernesto Sánchez Pombo.

Artes Plásticas: Xavier Limia de Gardón.

Artes Escénicas: Paula Cabaleiro Comesaña.

Cine e Artes Audiovisuais: Mariana Fernández Carballal.

Cultura Gastronómica: Inma López Silva.

Ditame Premios da Crítica de Galicia 2018

No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 3 de novembro o ditame da cuadraséxima primeira edición dos Premios da Crítica de Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema “ESPIGAR”, xuntáronse trescentas corenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de políticas culturais; e Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, entre outros.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Afonso Vázquez Monxardín, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria dos premios e defendendo a pervivencia da lingua galega como o seu celme.

A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo, Premio de Creación Literaria

O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Antonio Manuel Fraga, escritor, gañador da edición 2017; Yolanda Castaño, poeta e xestora cultural; María Xesús Fernández Fernández, profesora e crítica; María Xesús Nogueira, profesora da USC e crítica; Susana Sánchez Aríns, profesora e crítica; Miro Villar, profesor e crítico; Ramón Nicolás Rodríguez, secretaría, en representación da APCG, acordou declarar finalistas as obras A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo (Xerais), Nomes de fume de Miriam Ferradans (Espiral Maior), Camuflaxe de Lupe Gómez (Chan da Pólvora), Cervatos de Lucía Novas (Faktoría K). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo (Xerais).

O xurado salientou que «esta obra culmina unha traxectoria creativa, recollendo o corolario dunha serie de aprendizaxes que aquí se espellan. Ao tempo que salientamos o coidado da súa estrutura, a viveza e naturalidade dos diálogos, a construción dunha atmosfera que repara na presenza das ausencias, a reflexión sobre a maldade, a referencia ao cine como refuxio da inocencia e a súa riqueza lingüística, elementos que o converten, ao noso xuízo, na mellor novela do ano».

José Luis Mascareñas, Premio de Investigación

O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Clara V. Álvarez, profesora de Fisioloxía na Facultade de Medicina da USC e directora do Grupo de Investigación sobre Neoplasias e Diferenciación Endocrina no CIMUS; Ángel Manuel Sánchez Bermúdez, catedrático de Enxeñería Química da UVigo; Felipe Criado-Boado, profesor de investigación do CSIC e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT); Nieves Lagares, profesora da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC; Rubén Lois González, catedrático da facultade de Xeografía e Historia da USC e vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional; Victoria Otero Espinas, matemática e Vicerreitora de  Titulacións da USC e Malores Villanueva, secretaría, en representación da APCG, acordou declarar como finalistas a Ramón Villares, José Luís Mascareñas e a da Rede Interdisciplinar Tecnoloxía e Análise de Datos Lingüísticos (TecAnDali). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por consenso o premio a José Luis Mascareñas.

O xurado salientou que «José Luís Mascareñas ten unha exitosa traxectoria investigadora no ámbito da Química, que se aplica a outras áreas de coñecemento como a Bioloxía e a Biomedicina. Destaca tamén que é o único investigador en Galicia que, traballando dende o país, conseguiu un Advance Grant do ERC, o que supón a atracción de fondos europeos para fomentar a investigación en Galicia. É director do CIQUS, un dos centros punteiros de investigación competitiva e dende esta posición favorece a creación e a continuidade de novos grupos científicos que xeran unha rede de traballo, así como garanten o seu futuro e, por ende, o da investigación. Con este recoñecemento salientamos a importancia da ciencia galega feita dende Galicia, nesta caso na área de Química biolóxica e na persoa de José Luis Mascareñas. O xurado quere manifestar a gran dificultade que supuxo decantarse por un dos finalistas dada a súa valía en ámbitos tan diferentes e tan importantes para a investigación galega».

Ana Romaní, Premio de Iniciativas Culturais e Científicas

O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Jorge Mira, catedrático da USC, gañador da edición anterior polo programa ConCiencia; Alberto Barciela, xornalista; Hakan Casares, Observatorio da Cultura Galega; Delfín Caseiro Nogueiras, catedrático de Lingua e literatura; Sonia Díaz, comunicadora e xestora cultural; Xulia Santiso, xestora cultural, directora da Casa Museo Emilia Pardo Bazán e Malós Cabrera Iglesias, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Revista feminista Andaina, Portal GCiencia e Ana Romaní polo seu traballo en Diario Cultural. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Ana Romaní.

O xurado salientou «o seu labor a prol da visibilidade, promoción e difusión da nosa cultura, nas súas diversas manifestacións ou expresións, así como a súa defensa e uso do galego. Labor que desenvolveu maiormente como directora do programa Diario Cultural da Radio Galega dende o seu inicio, no 1990, ata mediados do presente 2018. O xurado quere salientar, tamén, a súa declarada vontade de intervención e perspectiva feminista».

Mercedes Peón, Premio de Música

O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por María Costas, cantante e actriz; Xulia Feixoo, etnomusicóloga, percusionista de Rodrigo Romaní Trío; Sonia Lebedynski, cantante; Xosé Manuel Pereiro, xornalista, codirector da revista Luzes; Mercedes Rosón, subdirectora da Área de Cultura da USC; Maximino Zumalave, director de orquestra e Paz Raña Lama, secretaría, APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cantos na Maré, Mercedes Peón, Xabier Díaz e Sés. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Mercedes Peón.

O xurado salientou «a súa traxectoria de compromiso coa investigación e documentación do patrimonio musical de tradición oral, un aspecto no que un claro referente. Mercedes Peón é creadora dunha sonoridade propia innovadora sempre na procura de fórmulas abertas, fóra de corsés, cualidades que foron apreciadas en escenarios de todo o mundo».

Javier Alonso de la Peña, Premio de Artes Plásticas

O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por María Luisa Sobrino, gañadora da edición anterior; Alberto González Alegre, comisario e crítico; Fran Herbello, fotógrafo, director do IES Audiovisual de Vigo; Chelo Matesanz, artista e profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Andrés Meixide, ilustrador e humorista gráfico; Ruth Varela, arquitecta e investigadora e Ledicia Costas, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Berio Molina, Pamen Pereira, Javier Alonso de la Peña polo Plan director da Catedral de Santiago e Rosalía Pazo Maside. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Javier Alonso de la Peña polo Plan director da Catedral de Santiago.

O xurado salientou que «é insólito que un xurado dun premio teña a oportunidade de valorar a intervención nunha das obras mestras da arquitectura de todo o occidente europeo: a catedral de Santiago de Compostela. Consderamos que é de xustiza valorar o importante compromiso asumido por Javier Alonso de la Peña, o nivel de responsabilidade e a súa implicación durante máis dunha década. Esforzo que cristalizou no ano 2017 coa finalización da restauración das torres da Fachada do Obradoiro, así como a tribuna e o pórtico. Valoramos tamén a recuperación da poética do monumento e do lugar sagrado e o traballo simbólico que abordou».

Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), Premio de Artes Escénicas

O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por Flor Maceiras, directora da Escola Municipal de Teatro de Narón, gañadora da edición anterior; Carlos Sante, actor, coordinador do proxecto internacional en técnicas de clown Hangar Manicómico; Irene Moreira Fontán, directora en Sala Ingrávida, profesora da ESAD; Antón Lopo, crítico e editor; Begoña Cuquejo, directora escénica e coreógrafa; Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro e Mariana Fernández Carballal, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Manuel Lourenzo Pérez, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e Festival Internacional de Títeres de Redondela. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

O xurado salientou que «nacendo da fusión entre o tecido teatral popular e o profesional, a MITCFC é espazo de encontro desde o tan necesario humor para a promoción das Artes Escénicas, baseada nunha programación de calidade na procura de novos públicos e espazos. A aposta da mostra de Cangas por manter unha mirada comprometida a prol da Igualdade desde as súas orixes, hai 35 anos, materializouse nas últimas edicións no Proxecto Mulleres en Accion, que lle devolve á sociedade unha concepción paritaria das Artes Escénicas, irrenunciable, ao entender deste o xurado».

Matria de Álvaro Lago, Premio de Cine e Artes Audiovisuais

O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Ángel Rueda, gañador da edición anterior; Tamara Canosa, actriz; Pepe Coira, guionista; Ángeles Huerta, directora; Avelina Rodríguez, crítica de cine do Faro da Cultura; Marta Villar, directora de arte e Xavier Senín, secretaría, en representación do APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Matria de Álvaro Lago, Trinta lumes de Diana Toucedo e á revista A cuarta parede. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar o premio a Matria de Álvaro Lago.

O xurado salientou «a dificultade á hora de escoller as obras finalistas debido á calidade e diversidade das propostas. Matria representa o mellor do noso cinema: o risco narrativo ao fusionar a ficción e recursos documentais. Bota unha ollada poética sobre a realidade que tenta desmitificar o matriarcado galego».

Boaga, Premio de Cultura gastronómica

O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por Alberto González Prelcic, cociñeiro, en representación do Grupo Nove, gañador da edición anterior; Teresa Cuíñas Lavandeira, xornalista da TVG; Taciana Díaz Mariño, xornalista; Manuel Hermo Piñeiro, profesor da escola de Hostelaría de Pontevedra; María Mosquera Leal, e-asesora, colaboradora da revista Benbo; Alejandro Rubín Carballo, director de Expourense e Luís Marconi Suárez, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), Terras da Mariña, Sociedade Cooperativa Galega e Mexillón de Galicia D. Orixe Protexida.

O xurado salientou que «todas as propostas presentadas son un reflexo da riqueza, innovación, compromiso e posta en valor da identidade gastronómica do noso país. O produto é o protagonista nas tres finalistas. Representan todo o proceso, que vai dende a produción, onde ten un peso importante o traballo das mulleres, ata o prato. Ademais m poñen o acento na recuperación de especies e produtos propios e únicos na nosa terra.

O xurado acordou outorgar o premio por maioría a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga). «A gañadora ten impacto en todo o territorio, asenta poboación en contornas rurais, incorpora xente nova ao traballo gandeiro, coida colateralmente do medio ambiente e fai chegar o produto oso mercados máis selectos de España».